Pouco antes da morte do ditador Francisco Franco, nos primeiros meses do ano 1975, a Imprimerie des Gondoles de Choisy-le-Roi (preto de París) tiraba do prelo o poemario Reflejos en las orillas del Sena do marinense José Pastoriza Soto. Case medio século despois, esta edición tenta recuperar a obra, a figura e o contexto en que viviu e escribiu Pastoriza, un exiliado galego vítima do levantamento militar de 1936. Houbo que agardar ese tempo porque, malia as esperanzas creadas pola caída do réxime franquista, na Transición as canles de comunicación entre a diáspora no exilio e Galicia foron practicamente inexistentes. Só ficaron vestixios daquela xeración frustrada en obras que pasaron inadvertidas, como é o caso deste poemario social que Pastoriza publicou na capital francesa e que tan só agora pode ser coñecido polo público galego.
9788417802523 | 978-84-17802-52-3